O Club Ciclista Rías Baixas presentou o seu ambicioso proxecto en Baiona
Ante máis de 400 convidados, o Club Ciclista Rías Baixas realizou a súa posta en escena para o curso 2014 no Parador de Baiona. A entidade do Val Miñor, presidida por José Luis Chamorro, presentou todo o seu abano de categorías, que van dende as escolas ata os cicloturistas e masters, co equipo Élite e Sub 23 como eixe principal dun renovado proxecto que cumpre máis de 20 anos dende a súa fundación.
Para afrontar a súa segunda tempada no campo afeccionado, que xa iniciou con notables resultados tanto no calendario español coma no portugués, o conxunto miñorano reforzou toda a estrutura que dirixe Ramón Troncoso. A ela incorporáronse unha decena de corredores, a maioría novos talentos do ciclismo galego, xunto ao abulense Rubén García con pasado no pelotón profesional. Ademais, continúan os referentes da pasada campaña como son o tudense Gustavo Rodríguez e o salmantino Héctor Dueñas. No cadro técnico, a principal novidade é a presenza do exciclista Marcos Montañés, que exercerá de preparador do equipo Élite e Sub 23.
As seccións de mountain bike, cyclo-cross, escolas, féminas, masters e cicloturistas tamén saíron ao escenario do Parador de Baiona, nun acto no que se homenaxeou varios dos membros máis destacados do club pola súa traxectoria. Jaime Juncal, recente gañador do campionato galego de cyclo-cross; Aida Valiño, vixente campioa autonómica de contra o reloxo; Gustavo Rodríguez, que completou o Ironman de Florida; e Ramón Troncoso, director deportivo, recibiron unha mención especial. O Club Ciclista Rías Baixas tamén quixo recoñecer o apoio que recibe de Terio Carrera, presentador da TVG, e de todos os patrocinadores que apoian esta iniciativa.