A presidenta da Deputación salientou que o ciclismo é un deporte “de heroes e de heroínas”, pois é un deporte dunha “enorme dureza física” e que esixe “moitísimo traballo, moitísimo adestramento, moitísimo sacrificio”, polo que agradeceu o esforzo do equipo, que en 2016 acadou a vitoria na Volta a Galicia e foi considerado o mellor equipo pola Federación Galega de Ciclismo e terceiro no ránking da Federación Española de Ciclismo.
Pola súa banda, o presidente do club, José Luis Chamorro, asegurou que “faremos todo o esforzo, chamándonos como nos chamamos Rías Baixas, para deixar Rías Baixas e a Deputación e Galicia por toda España e fóra de España o máis alto posible, e os éxitos deportivos seguro que chegarán igual que este ano”.
O alcalde de Nigrán e deputado provincial, Juan González, sinalou que o esforzo do equipo directivo “fai cada día este club un pouquiño máis grande” e que “para min, como alcalde de Nigrán, é unha honra que a nosa vila poida ser a sede e o berce do Club Ciclista Rías Baixas”.