Dirixidas a “verificar a potencia máxima que son capaces de aplicar ao pedal en distintos limiares”, estas probas realízanse sobre un cicloergómetro no que, seguindo unha determinada cadencia, os ciclistas deben ir progresivamente aumentando os vatios por minuto, a potencia que aplican o pedal, como explica García. Deste xeito, as medicións que ao longo da pasada e da presente semana vén realizando coa colaboración dos investigadores Alba Cuba e Javier Carballo e o egresado José Abalo, e co soporte tamén dos médicos do Rías Baixas, Diego Fernández e Manuel Pueyo, permiten comprobar o estado de forma no que se atopan os ciclistas tras semanas de preparación, co propósito de “poder axustar as cargas de adestramento, saber quen necesita seguir co traballo de forza e quen non”, ou coñecer a que intensidade deberán adestrar sobre a bicicleta para que o adestramento que realicen de agora en diante se axuste ás súas necesidades.
Da preparación á investigación
O grupo de ciclistas que dirixe Marcos Serrano vén someténdose desde hai tres anos en Ciencias da Educación e do Deporte a unha avaliación do rendemento que, ademais de permitir optimizar o seu traballo de preparación para a tempada, outorga tamén unha serie de datos aos investigadores do centro. Por unha banda, explica García, “estamos tratando de verificar a relación que hai entre os parámetros que normalmente se utilizaron como indicadores do rendemento, os vatios que aplica o ciclista ao pedal, coa tensiomiografía que facemos para ver o estado neuromuscular”.
O seu propósito é poder comprobar se existe “unha boa correlación” entre unha proba que supón un esforzo ao ciclista e outra que permite coñecer as características dos principais músculos que afectan á pedalada, para ver se esta última fai posible seguir avaliando aos ciclistas ao longo da tempada. Non en van, como explica García, as valoracións de rendemento obrigan a “tres días de traballo rexenerativo antes e outros dous despois, co cal perdes case unha semana de adestramento real”, mentres que a tensiomiografía “non supón un esforzo”, polo que podería realizarse en diferentes momentos da tempada. “En principio, os datos que temos apuntan a que si, a que hai unha serie de variables da tensiomiografía que teñen unha capacidade explicativa moderada, porque a potencia non depende exclusivamente do sistema neuromuscular, senón tamén do cardiocirculatorio”, apunta este investigador, que, por outra banda, trata tamén de avaliar con estas medicións como esta proba “afecta á fatiga neuromuscular do ciclista”, realizando estas tensiomiografías antes e despois de cada valoración do rendemento.
De xeito paralelo, os datos obtidos nestas semanas súmanse aos test de forza que veñen realizando cos ciclistas que, baixo a coordinación de Abalo, realizan un programa de adestramento de forza na propia facultade de entre dez e doce semanas de duración. “O ano pasado fixemos un seguimento dos ciclistas ao longo da tempada e comprobamos que o adestramento de forza é un estímulo moi útil para o ciclista, moito máis mesmo do que pensabamos”, engade García dun traballo que, recoñece, non é unha practica demasiado habitual neste deporte e coa que se busca que o traballo realizado no ximnasio permita posteriormente aplicar maior potencia ao pedal. “Este é o terceiro ano, e a nosa idea é facer un estudo lonxitudinal, recoller datos ao longo da tempada para ter unha base de datos sólida”, engade.