O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe a concentración do Vigo-Rías Baixas no Hotel Cemar de cara ao inicio da tempada 2024. Alí, o responsable da carteira autonómica de Deportes asegurou que, tras o subcampionato da tempada pasada no ranking elite sub23, “de seguro que a entidade presidida por José Luis Chamorro vai recuperar o liderado estatal nesta tempada, como xa fixo por última vez en 2021”. O equipo flúor está concentrado no Hotel Cemar de Mondariz-Balneario do 28 ao 31 de xaneiro, xusto antes de comezar a tempada 2024 na Vuelta al Guadalentín en Murcia os días 2, 3 e 4 de febreiro.

Neste sentido, Lete Lasa destacou o incremento nas licenzas deportivas de ciclismo que hoxe xa roldan as 8.500 en Galicia, sumando tamén as de cicloturismo, cando en 2009 eran tan só 1.700. Lete Lasa tamén sinalou a importancia de que, tal e como indica o Barómetro da Bicicleta, hoxe máis da metade das mulleres usen a bicicleta en España.

Lete Lasa tamén lembrou a importancia das 33 etapas da Vuelta Ciclista a España que pasaron por Galicia nos últimos dez anos e as catro etapas galegas recentemente anunciadas para a ronda española de 2024. Asemade, a terceira edición da carreira profesional ‘O Gran Camiño 2024’ volverá traer a Galicia en febreiro aos mellores equipos do mundo.

Fonte: Xunta de Galicia