-¿En que áreas pode colaborar o coñecemento universitario co ciclismo?
Sen dúbida en moitas. O ciclismo de elite está usando hoxe en día os materiais máis avanzados como é a fibra de carbono, o titanio… Tamén sistemas de comunicación e o ámbito de preparación física dos propios deportistas como é a nutrición. Moitas cousas nas que realmente podemos colaborar a través da investigación como universidade.
-¿Canto peso ten o deporte dentro da Universidad de Vigo?
É fundamental. De feito, temos unha vicerreitoría que se ocupa do deporte. Non só é importante para o alumnado, tamén para todo o resto do persoal universitario. Hai que decatarse, que temos moita actividade deportiva e instalación nos nosos tres campus universitarios. Ademais, contamos cun equipo de rugby bastante importante, vela, competicións de coches, carreiras de atletismo… Sempre temos moi presente o de ‘Mens sana in corpore sano’ porque é moi importante estar en condición saudables.
-¿Cal é o modelo a seguir?
O referente para todo o mundo é Estados Unidos. Alí hai moita relación entre as universidades e o deporte. Só é necesario comprobar o que sucede co baloncesto ou con fútbol americano. En Europa estamos seguindo eses pasos e penso que xa estamos moi avanzados nese eido. Parécenos unha vía adecuada para que o alumnado se sinta cómodo e contento á hora de abordar carreiras bastante duras como temos na nosa universidade. Hai que estar preparados física e mentalmente.
-¿Con que frecuencia sae a rodar?
Coa máxima que podo, o que pasa é que o meu cargo impídeme saír tanto como me gustaría. Pola semana é case imposible que teña algunha tarde libre. Na fin de semana procuro saír todo o que podo, se poden ser os dous días mellor.
-¿Que ruta nos recomenda?
Vivo no Val Miñor e as que máis me gustan son as que ofrece esta comarca. Son preciosas. Por exemplo, baixar de Nigrán cara a Baiona, todo o que é Cabo Silleiro ata Oia, seguir ata A Guarda e logo a Tui. Todo ese triángulo é marabilloso. Tamén están as subidas a Tebra, San Antoniño ou o Aloia. Son rutas realmente espectaculares.
-¿E o seu referente neste deporte?
No seu día a Induráin e agora Contador. Supoño que en España non haberá moitas diferencias respecto a esta cuestión. Tódolos ciclistas profesionais parecenme referencias á hora de imitar. Considero que é un dos deportes máis duros que existe. Haberá outros, pero é durísimo á hora das esixencias físicas e mentais que presenta.
-¿Cal pensa que é a clave para triunfar no mundo da bicicleta?
Require un gran adestramento, moi continuo e constante. Tes que pasar moitas horas enriba da bicicleta e non é como outro tipo de deportes nos que se cadra chega con dúas horas diarias de adestramento. Os ciclistas profesionais que coñezo adícanlle seis horas ao día e só descansan unha vez á semana. É realmente duro. Ten un nivel tan alto na elite, que se queres estar aí tes que facer unha preparación terrible.
-¿Cómo valora a posibilidade de volver formar un equipo profesional con base en Galicia?
Imaxínate, sería a ilusión miña e de moita xente nesta terra. Dende a Universidade imos facer todo o que poidamos para que isto se convirta nunha realidade algún día. Sería como un soño.