Esti Aginako1

CG: Recordas como empezaches no ciclismo? E a competir?
 

Aser: Empecei no ano 2001, cando era infantil de primeiro ano. Viña de ser gaiteiro, tocar o bombo, bailarín, xogador de balonmán e nadador. Ningún me gustou e decidín probar sorte no ciclismo, e parece que foi o meu, por iso xa levo 16 anos a pedalear. Entrei no Clube Ciclista O Rosal a pedalear cun amigo, el deixou no mesmo día porque cansaba moito, e eu seguín ata hoxe.
 

CG: Como é a vida dun deportista do teu nivel? É compatible cun traballo?

Aser: É unha vida moi esixente e disciplinada. Hai que ter todo moi ben organizado e planificado de antemán. Sí é compatible co traballo pero hai que saber levalo e depende do tipo de traballo, pero é unha tarefa de altos voos. No meu caso, é a docencia o meu traballo, polas tardes dou clase, o que me permite adestrar polas mañás ou ó revés. Pero as dúas cousas deben ir parexas, é dicir, non descoidar ningunha das dúas e afrontalas con ilusión, pola contra, non merece a pena.
 

CG: Cal foi o momento máis doce e o máis amargo durante a temporada que acabou?
 

Aser: O máis doce, a vitoria no Mirador do Ézaro, foi a miña primeira vitoria en alto, a ademáis foi o décimocuarto campionato rexional do meu palmarés. O máis amargo a caída na última etapa na Volta Ciclista a Zamora.​

CG: Durante o Campionato Galego de liña, tiñas vixiado a algún corredor en particular? Que che pareceu que acabárades no Mirador do Ézaro?

Aser: Bueno… vixiar sempre se vixía a todos, porque calquera pode dar unha sorpresa en calquer carreira. O Froiz estivo moi combativo e intentamos xogar as nosas cartas e controla-la carreira ata pé de porto. Alí impuxemos a nosa autoridade. Saíu ben o traballo do equipo, todos os compañeiros fixeron unha destacable labor para gañar, e o director acertou coa estratexia. Gustoume moito ese final, moi duro pero precioso e espectacular.

GC: Despois de conseguir dobrete nos Campionatos Galegos e rozar pódium nos españois. Que retos te propós para este 2016?

Aser: Repetir os Campionatos Autonómicos e mellorar nos Campionatos de España, e gañar algunha volta por etapas e carreiras dun día.

GC.Con tantos títulos galegos que levas… cal é ao que gardas máis cariño?
 

Aser: Todos son especiais, 15 son moitos, pero quizais me quede co primero, porque foi a primeira gran vitoria, en Lousame en setembro do 2006. Aí comezou o meu camiño.
 

GC. Tema peliagudo. Nos últimos tempos vimos como equipos da talla do Euskaltel pecharon, anteriormente o Xacobeo, o Andalucía,… e non hai relevo. Como ves e vives a situación actual do ciclismo (en xeral) e o galego (en particular)?

Aser: Está o panorama moi escuro e complicado, por iso dende fai catro anos xa estou a traballar noutra cousa porque o ciclismo non dá de comer. É a triste realidade do ciclismo galego e español na actualidade, non se perde a esperanza, pero mentres hai que facer outras cousas aparte de pedalear. Se aparece unha boa oportunidade, o ciclismo será ó que lle dedicarei o 100% da miña atención, mentres é o 50%, o outro 50% é o meu traballo.

 

GC.Que corredores do pelotón actual che impresionan máis, tanto profesional coma elite/sub23?

Aser: Moitos, pero quédome cos galegos que son bos coñecidos e están a dar a talla. Creo que hai futuro na comunidade para os próximos anos.

GC: Moitas grazas, Aser, polo teu tempo e por responder ás preguntas.

Aser: Moitas grazas a vós

Fuente: http://ciclismogaliza.wix.com/ciclismogalego#!Aser-Est%C3%A9vez/colb/569cb0640cf2ff2c456a1ea3