Segundo constataron o profesor Óscar García e o alumno José Abalo co club Rías Baixas
O seu rendemento nalgúns exercicios viuse incrementado en preto dun 40% tras un ciclo de doce semanas
Eduardo Muñiz | Pontevedra
Por segundo ano consecutivo, a preparación dunha nova tempada reuniu aos deportistas do Club Ciclista Rías Baixas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde o profesor Óscar García coordinou a realización dunha avaliación do rendemento individualizada de cada ciclista, da que saíron unha serie de pautas e recomendacións para optimizar o seu proceso de preparación. Mais desta volta, o propio adestramento dos integrantes deste club amateur de Nigrán arrincou na propia facultade, onde, baixo a supervisión do alumno José Abalo, desenvolveron un ciclo de adestramento de forza e flexibilidade que permitiu aos investigadores constatar a “mellora moi notable” que este tipo de preparación pode supor nun deporte no que “tradicionalmente non se facía este traballo”, como recoñece García. As medicións realizadas por Abalo no marco do seu traballo de fin de grao permitiron detectar melloras superiores ao 40% no rendemento dos ciclistas nos exercicios que se realizan coa prensa e dun 35% no squat, dúas máquinas nas que tiñan que levantar un determinado peso co impulso das súas pernas, despois dun ciclo de entre dez e doce semanas de adestramento supervisado.