Para afrontar a súa segunda tempada no campo afeccionado, que xa iniciou con notables resultados tanto no calendario español coma no portugués, o conxunto miñorano reforzou toda a estrutura que dirixe Ramón Troncoso. A ela incorporáronse unha decena de corredores, a maioría novos talentos do ciclismo galego, xunto ao abulense Rubén García con pasado no pelotón profesional. Ademais, continúan os referentes da pasada campaña como son o tudense Gustavo Rodríguez e o salmantino Héctor Dueñas. No cadro técnico, a principal novidade é a presenza do exciclista Marcos Montañés, que exercerá de preparador do equipo Élite e Sub 23.
As seccións de mountain bike, cyclo-cross, escolas, féminas, masters e cicloturistas tamén saíron ao escenario do Parador de Baiona, nun acto no que se homenaxeou a varios dos membros máis destacados do club pola súa traxectoria. Jaime Juncal, recente gañador do campionato galego de cyclo-cross; Aida Valiño, vixente campioa autonómica de contra o reloxo; Gustavo Rodríguez, que completou o Ironman de Florida; e Ramón Troncoso, director deportivo, recibiron unha mención especial. O Club Ciclista Rías Baixas tamén quixo recoñecer o apoio que recibe de Terio Carrera, presentador da TVG, e de todos os patrocinadores que apoian esta iniciativa.
A gala contou coa asistencia dos alcaldes de Baiona, Gondomar e Nigrán; do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Tallón; da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; e do Secretario Xeral de Deportes, José Ramón Lete Lasa, que pechou o acto destacando «a perseverencia e ilusión de José Luis Chamorro para realizar unha aposta tan importante polo ciclismo nun momento económico como o que estamos pasando».