O profesor da facultade Óscar García realizou unha valoración do rendemento dos corredores deste club
A preparación dos ciclistas do Rías Baixas comeza en Ciencias da Educación e do Deporte
En base a diferentes parámetros, fíxanse as pautas que permiten optimizar o seu proceso de adestramento

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Con independencia da categoría, é moi común que a preparación dun ciclista pase por botar moitas horas na estrada enriba da bicicleta. Mais este método de adestramento non sempre resulta efectivo se non se dispón da información precisa para optimizar o tempo dedicado á preparación, segundo explica o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Óscar García. De aí o valor de contar cunha avaliación do rendemento que permita “individualizar e planificar cada proceso de adestramento”, como a que nesta tempada realizou para o Club Ciclista Rías Baixas, que ten nesta facultade do campus pontevedrés un valioso aliado. Non en van, o proceso de “abrir o capó e ver como está o ciclista por dentro” que implican estes estudos está a resultar de “moita axuda” para que este equipo amateur con sede en Nigrán “estea avanzando na súa progresión e facendo unha boa tempada”, como salienta o seu director deportivo, o ex-ciclista profesional Marcos Serrano.