Artículos

Un adestramento de forza supervisado supón unha “mellora notable” nas prestacións dos ciclistas

Segundo constataron o profesor Óscar García e o alumno José Abalo co club Rías Baixas

gal4

O seu rendemento nalgúns exercicios viuse incrementado en preto dun 40% tras un ciclo de doce semanas

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Por segundo ano consecutivo, a preparación dunha nova tempada reuniu aos deportistas do Club Ciclista Rías Baixas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde o profesor Óscar García coordinou a realización dunha avaliación do rendemento individualizada de cada ciclista, da que saíron unha serie de pautas e recomendacións para optimizar o seu proceso de preparación. Mais desta volta, o propio adestramento dos integrantes deste club amateur de Nigrán arrincou na propia facultade, onde, baixo a supervisión do alumno José Abalo, desenvolveron un ciclo de adestramento de forza e flexibilidade que permitiu aos investigadores constatar a “mellora moi notable” que este tipo de preparación pode supor nun deporte no que “tradicionalmente non se facía este traballo”, como recoñece García. As medicións realizadas por Abalo no marco do seu traballo de fin de grao permitiron detectar melloras superiores ao 40% no rendemento dos ciclistas nos exercicios que se realizan coa prensa e dun 35% no squat, dúas máquinas nas que tiñan que levantar un determinado peso co impulso das súas pernas, despois dun ciclo de entre dez e doce semanas de adestramento supervisado.



Segundo explica Abalo, antes do inicio deste ciclo de realizouse cos ciclistas “un test de repeticións máximas nas dúas máquinas”, para logo comprobar “canto peso eran capaces de soportar en cada unha delas”. A partires de aí, os deportistas desenvolveron na facultade, divididos en diferentes grupos, un programa de adestramento con varias sesións semanais e “ao rematar o proceso, repetimos os mesmos test e calculamos as porcentaxes de mellora”, sinala este estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que centra o seu traballo nos datos obtidos deste programa, xunto coa información que diariamente lle ían remitindo sobre a súa alimentación ou a súa frecuencia cardíaca. “Aínda que non todos melloraron o mesmo, a media é importante”, recoñece Abalo, que incide en que este adestramento permitiu tamén corrixir casos de “asimetría” en varios dos participantes, capaces de mover máis peso cunha perna que coa outra, o que “derivaría nunha menor eficacia na pedalada”. De feito, a mellora media nos exercicios de prensa foi do 43% na perna dereita e do 46% na esquerda, explica Abalo, que sinala que estas diferencias “igualábanse ao final do ciclo”.

O ximnasio antes que a estrada

“Nós entendemos que este é un bo camiño, porque melloran os seus niveis de forza e cada vez moven máis vatios enriba da bicicleta”, sinala Óscar García dun ciclo de exercicios no ximnasio que lles permite “exercitar os principais músculos no pedaleo”, pero que tamén implica un traballo co tren superior, para evitar que a falta de forza no tronco ou nos brazos poida derivar en “descompensacións que provocan que se fatiguen antes” ou en sobrecargas na zona lumbar. Así mesmo, o programa compleméntase cunha serie de exercicios de flexibilidade, cos que evitar que o músculo se vexa acurtado ao gañar forza “e que che impida ser eficaz na pedalada”.

“Neste senso, estamos máis contentos que o ano pasado e pensamos que o traballo que fixemos vai a ter unha maior repercusión na estrada”, engade García respecto do ciclo de adestramento levado a cabo no treito inicial da tempada cun “obxectivo é moi concreto, que melloren os seus niveis de forza para despois aplicalos ao pedal”. Trátase, explica, dun programa de exercicio pensado para a fase inicial da preparación. Nese senso, trala “evolución notable” que supuxeron as doce semanas de traballo na facultade, o adestramento de forza “pasa xa a un segundo plano”, fronte á propia preparación sobre a bicicleta, na que “o que traballaron no ximnasio vailles servir de base para poder rodar máis rápido e durante máis tempo”, como salienta García, que apunta tamén que está previsto que os grupos que remataron antes retornen á facultade “para facer outras semanas do que chamamos recordo neuromuscular”.

O valor engadido da supervisión

Baixo a coordinación de García, Abalo desenvolveu un ciclo de adestramento integrado por sete exercicios, “dos que seleccionamos os máis representativos para poder calcular o efecto do programa” e que a súa vez foron modificándose co paso das semanas “para adaptalos ás necesidades de cada corredor”. Un traballo que García salienta como o “salto cualitativo” respecto do realizado o pasado curso co Rías Baixas, grazas ao convenio marco asinado entre este club e a Universidade.

Coa colaboración das investigadoras Alba Cuba, e Alicia Ribeiro e da alumna Laura Goñi, García realizou novamente unha valoración do rendemento dos integrantes do equipo que dirixe Marcos Serrano, que abrangue o estudo da súa composición corporal, unha medición da potencia que xeran sobre o pedal ou a realización dunha tensiomiografía, coa que ver as características dos principais músculos que afectan á pedalada. A realización destas probas, precedidas das realizadas polo cardiólogo do equipo, Diego Fernández, para descartar calquera problema de adaptación ao esforzo, permitiu desenvolver un plan de adestramento adaptado ás características de cada deportista, de tal xeito de que “en base á potencia e á frecuencia cardíaca”, poidan adaptar o seu ritmo de adestramento á intensidade precisa para que o traballo sobre a bicicleta implique unha mellora, como explica García, que incide en que a supervisión do plan de adestramento “é vital” para lograr optimizar os seus efectos.

Fuente: http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=11411&Itemid=2

Catálogo

REPUESTOScoches24.es

Patrocinadores

  • image
  • image
  • Baiona
  • SSCAR Carbon
  • image
  • image
  • Integra2
  • Michelin
  • image
  • Concello de Nigran
  • image
  • Aguas de Mondariz
  • Fechi
  • image
  • Agua Sana
  • image
  • image
  • Deputación de pontevedra
  • Digoin
  • image
Previous Next

Deporte y salud

Nueva sección